Felipe Molinero Gil, xefe de Prensa do Concello de Santiago desde 1997, falecía o sábado 8 de marzo aos 46 anos de idade tras unha longa e penosa doenza. Natural de Bilbao, residía desde fai máis de dúas décadas na capital galega. Molinero integrárase moi activamente na vida de Compostela, onde traballou como xornalista no Ideal Galego, antes de aterrar en Raxoi no 1989 e oito anos máis tarde ser nomeado xefe de Prensa. Formaba parte da xunta directiva da Asociación de Xornalistas de Santiago. Era amante da natureza, do senderismo, das viaxes e gustáballe a literatura, o cine e as boas conversacións. Bo profesional e mellor persoa, crítico, íntegro e leal cos seus amigos, loitou ata o último momento pola vida co apoio incondicional da súa muller, Lourdes, e do seu neno de catro anos, Jan. O seu corpo foi incinerado o domingo 9 no edificio de servizos funerarios do hospital Clínico.
———————————
In Memoriam
A Felipe Molinero Gil
Nada peor para un xornalista que escribir unha nota necrolóxica, máis se cabe se se trata dun compañeiro e amigo. Pero como tal ésta non é ou, alomenos, tentarei que non leve as tinguiduras mouras do funesto. Quero, no nome de tódolos compañeiros xornalistas de Santiago, lembrar a Felipe Molinero Gil co optimismo do seu mellor quefacer profisional sexan cales foran as dificultades, no sorriso cando acadaba o cumio dunha montaña, a calor da amizade cando te recibía ou volvíalo ver entre viaxe e viaxe.
Felipe, xefe de prensa do Concello de Santiago, directivo da Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela (APSC) levaba vinte anos entre nós e xa era un compostelán máis. Bilbaíno, tiña 46 anos e comezou a súa carreira profesional aquí no Ideal Gallego na súa delegación en Santiago. Desde 1997 ocupou a responsabilidade do gabinete de prensa do Axuntamento. Desde o principio notamos o seu celo como profesional independente, a súa defensa dos principios deontolóxicos, a dignidade do xornalista por riba de calquera burda tentación, a súa aposta pola unidade e o asociacionismo entre compañeiros. Teimudo e indobregable en todo aquelo no que no se pode ceder, sempre foi un exemplo para nós. Tras certa frialdade cando de asuntos serios se tratase –non daba cancha as veces a desdramatización ou a ironía- sabía tamén relativizar intelixentemente as cousas. Pero tiñamos outro Felipe simpático e socarrón cando entrabamos nos círculos da confianza e nos comentarios “off the record”. Compoñente activo dunha selecta tertulia semanal de xornalistas sempre aportaba as súas luces de lector impenitente, clásicos ou modernos, ensaio histórico ou novela, endexamais literatura de usar e tirar. Como home de bo gusto era un auténtico melómano e asistía con frecuencia os concertos do Auditorio na compaña de Lourdes, a súa muller, a quen lle enviamos un forte abrazo de amizade e simpatía, ao igoal que a Juan Jesús, o seu pequeno.
Felipe Molinero Gil, un gran valor que se nos foi. Adeus amigo. Leva contigo a mellor aperta de todos nós.
Luís Menéndez Villalva
Presidente Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela (APSC).